Abertura Tequexetéldere

DESCARGAR PARTITURAS

LIMIAR

Hai moitas culturas do mundo que afirman que cultivar a gratitude é símbolo e motivo de felicidade. No noso caso, non estando para nada en desacordo con este postulado, entendémolo máis coma un acto de xustiza, coma un xeito de ser agradecido coas lembranzas atesouradas no corazón da agrupación que son, dalgún xeito, as que máis e mellor xustifican a nosa traxectoria.

Sucedeu o 4 de decembro do ano 2015. Teatro Principal da Estrada. Nun patio de butacas acugulado de público, 35 compoñentes de Tequexetéldere repartidos entre pandereiteiras, músicos e corpo de baile, celebrabamos as vodas de prata da agrupación acompañados pola Banda Cultural da Estrada.

Tequexetéldere TeatroPpal

A composición desta obra musical foi feita, a iniciativa de Simón Couceiro, para conmemorar o 25 aniversario da Agrupación Folclórica Tequexetéldere, encargándoselle a súa interpretación á Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, estrea que tivo lugar no auditorio de Galicia o 27 de outubro do ano 2015.

Tequexetéldere Santiago

Clarinetista e compositor estradense, Simón Couceiro homenaxeou a nosa agrupación facendo arranxos para banda dunha decena de pezas tradicionais que, con moito agarimo, a xente de Tequexetéldere fomos colleitando polas parroquias da nosa vila ao longo dos anos 90.

Tradición e valores. Memoria e dignidade. O coñecemento e investigación da nosa historia cultural é unha das nosas razóns de ser, de aí, que fora para nós, obxectivo ineludible, a edición e publicación destas pequenas xoias musicais que o talento e xenerosidade de Simón Couceiro Riveira converteron en partituras.

Sirva pois esta iniciativa, para que a familia presente e futura de Tequexetéldere garde este pequeno tesouro como parte do seu testemuño emocional, e para que os moitos afeccionados á música tradicional na Estrada e comarca, atopen neste humilde legado unha fonte de inspiración e consulta.

Tequexetéldere

 

 

NOTAS AO PROGRAMA

Abertura Tequexetéldere enmarca a selección de 10 cancións populares recollidas polo grupo de baile e canto tradicional estradense Tequexetéldere. No XXV aniversario da súa formación, o autor estradense Simón Couceiro quixo ofrecer, en forma de agasallo, esta instrumentación para banda de música, que é ao mesmo tempo un encargo feito pola Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela.

A idea de abertura non segue a forma clásica A-B-A, senón que suxire a selección de cancións para formar parte dun todo e incluso para ser interpretado coma prólogo a un festival folclórico conmemorando o dito aniversario.

Muiñeiras, xotas, mazurcas, corridos ou rumbas son os ritmos claves que forman parte desta obra de índole popular onde o autor utiliza, entre outros, diversos instrumentos tradicionais (lata de pemento, botella de anís, espiga de millo, piñas de pino etc...) para destacar os diferentes ritmos que se establecen e participan nesta obra.

 

© 2020 Tequexeteldere

Free Joomla! template by L.THEME